MENTRES APRENDEMOS E MEDRAMOS, AS NOSAS MASCOTAS COIDAMOS

xoves, 10 de decembro de 2015

SE QUERES ESTAR FORTE E SAN, TEN FROITAS SEMPRE Á MAN.

Este curso escolar o alumnado de infantil está inmerso nun novo programa do Plan Proxecta chamado "Aliméntate ben" na modalidade de "Froita na escola".
Esta modalidade ten por obxecto o fomento do consumo de froita entre o alumnado ofrecendo froita fresca gratuíta a través da convocatoria do FOGGA.
O reparto da froita fresca farase en tres periodos (de 1 semana cada un) durante o curso escolar.
* O primeiro terá lugar do 18/01/2016 ao 22/01/2016
* O segundo será do 7/03/2016 ao 11/03/2016.
* O terceiro e último levarase a cabo do 30/05/2016 ao 3/06/2016.

Premendo na imaxe, poderedes ter máis información.

xoves, 25 de xuño de 2015

Libro "Un río un amigo"

Para finalizar este proxecto, realizouse un traballo conxunto en infantil. Con todo o aprendido, elaborouse un libro onde se recollen os invertebrados atopados, flora (acuática e dos arredores do río Mercurín) e, non menos importante, as boas prácticas que debemos ter en conta para coidar a natureza.


Murais

O alumnado de 4 anos, realizamos dous murais (un en cada aula) representando o río Mercurín no paso polo "Paseo dos Patos", onde realizamos a saída. 
Neste mural debuxaron e pintaron o río, o campo e o camiño. Posteriormente, mediante fotografías e mostras de follas, foron colocando os diferentes elementos que atoparon na saída: árbores, arbustos, plantas acuáticas, invertebrados, bancos, o parque infantil e o dos maiores, papeleiras...

Un traballo moi laborioso pero moi motivador!

Caderno de campo 3 anos!

Con toda a información recollida sobre o río Mercurín, os nenos e nenas de 3 anos tamén elaboraron o caderno de campo e investigaron sobre a flora e a fauna do río.

mércores, 17 de xuño de 2015

"Un viaje complicado"

"Un viaje complicado" é o título dun conto aportado por unha das familias de 4 anos B e que compartiron coa outra clase de 4.

Trata da historia de dúas andoriñas que, durante a migración, van atopando árbores queimadas, ríos contaminados, montes cheos de lixo... Unha historia para concienciarnos da contaminación que sofre o noso planeta.
Aquí podedes ver unha mostra dos debuxo realizados polo alumnado de 4 anos sobre o conto.





Invertebrados de plastilina

Nas aulas de 4 anos hai uns nenos e nenas moi inxeniosos que son capaces de realizar os invertebrados atopados no río e algunhas plantas acuáticas con plastilina!


domingo, 14 de xuño de 2015

Caderno de campo

Despois da saída ao Mercurín, tomando nota da información chegada das familias, e a nosa propia investigación, o alumnado de 4 anos realizou o caderno de campo o cal poidestedes ver nunha entrada anterior.
Aqui vos deixamos unha mostra de como os nenos e nenas o foron realizando.


Máis información!

Ás aulas de 3 anos segue chegando información sobre o río Mercurín. Moitas grazas ás familias pola vosa colaboración!

"Río verde"

Na clase de música tamén aproveitan para traballar o tema dos ríos. Os nenos e nenas de 3 e 4 anos aprenderon unha canción do libro/cd "Para cantar e bailar" de Luis Prego titulada "Río verde". Aquí os tedes moi concentrados facendo o baile e cantando a canción.

martes, 9 de xuño de 2015

"El tesoro del río Mercurín"

A semana pasada algunhas nais da aula de 4 anos B viñeron á aula a contar un conto inventado e ilustrado por elas e os seus fillos/as, titulado "El tesoro del río Mercurín".
Ese día os nenos e nenas das dúas aulas de 4 anos puideron disfrutar desta orixinal sesión de contacontos. Moitas grazas ás autoras pola súa participación e implicación no proxecto.

mércores, 3 de xuño de 2015

Os de 3 anos, coñecen o Mercurín

O martes 26 de maio os nenos e nenas de 3 anos tamén visitaron o río Mercurín. Descubriron que ali viven moitos insectos e plantas acuáticas.
Ademais disto, coa axuda dun termómetro, comprobaron a temperatura da auga. Que fría estaba!
E para rematar a visita, merendaron e xogaron no parque. Pasárono xenial!


A contaminación

O alumnado de 4 anos realizou un experimento para comprobar como quedaria un río se tirasemos o lixo nel.
Para iso empregaron dúas peceiras. Unha delas servíulles como mostra da auga do río (limpa) e outra con auga tamén pero na cal foron depositando diferente lixo das merendas de mediamañá (papeis, restos de comida, plásticos...)
Despois de 5 dias consecutivos tirando lixo á peceira, puideron ver a cor da auga e o mal cheiro da peceira contaminada.


Relacionado con isto, o pasado luns día 1, recibimos a visita de Rocío, nai dunha das alumnas de 4 anos. Rocío traballa en SOGAMA, en Cerceda, polo que coñece de preto, como podemos evitar a contaminación dos ríos e, en xeral, do medio ambiente.
Comezou explicando con diversas fotografías, as consecuencias da contaminación das augas. Como isto se pode evitar, indicounos cómo podemos contribuir nesta labor: reducir, reutilizar e reciclar.
Moitas grazas de novo a Rocío por ensinarnos tantas cousas e, como non, agradecer a SOGAMA polos obsequios cos que agasallou aos nenos e nenas deste curso.



martes, 2 de xuño de 2015

Ás aulas de 3 anos tamén chega información!

As familias do alumnado de 3 anos tamén colaboraron aportando diversa información sobre O Mercurín! Moitas grazas a todas elas, pois estamos a aprender unha morea de cousas!


luns, 1 de xuño de 2015

Saída ao río 5 anos


Os nenos e as nenas de 5 anos fixemos unha saída ao entorno do río Mercurín . Alí descubrimos moitos animais , uns con esqueleto como as aves e outros invertebrados como os tricópteros, zapateiro, formigas… e tamén  a vexetación típica do entorno do noso río.
Vendo a cantidade de animaliños e vexetación varia que alí atopamos chegamos a conclusión que a auga  do río Mercurín  non está contaminada, e para demostralo os nenos e nenas coa axuda das mestras tomamos a temperatura e ph da auga.
Esta saída tamén nos serviu para recordar unha serie de hábitos de coidado e respeto a Natureza, da cal somos todos responsables.

mércores, 27 de maio de 2015

Seguimos recibindo información!

Á aula de 4 anos B chegou un novo material por parte das familias: fotografías do lixo tirado no Mercurín, e un esquema do río (dende o seu nacemento ata a desembocadura) con fotografías de todo aquilo que podemos atopar no camiño: muíños, plantas, pontes...
Grazas a isto, aprenderon máis sobre o Mercurín e, como son moi bos compañeiros/as, compartiron esta información cos compañeiros/as de 4 anos A.

sábado, 23 de maio de 2015

Coñecemos de preto o Mercurín

O pasado xoves 15 de maio, as aulas de 4 anos foron coñecer de preto o Mercurín. Sobre as 10:30 partiron andando dende o colexio ata o río.
Durante a saída atopamos persoal do concello de Ordes recollendo o lixo que había no río, sobre todo bolsas de plástico.
Comentáronnos que ao realizarse o mercado semanal nas proximidades do río, moitas bolsas van parar a el. Ademais tamén comentaron que, lamentablemente, hai rapaces/as que se dedican a vaciar os cubos das papeleiras ao río.
Posteriormente, recollemos mostras do fondo do río en bandexas. Nesas bandexas nas que parece que só hai pedras e paus, agóchanse unha morea de macroinvertebrados de nombres rarísimos: tricópteros, efémeras, moluscos...
Ademais diso, coñeceron diversos tipos de plantas acuáticas, arbustos e árbores que medran arredor do paseo.
Por último, e non menos importante, tomaron a merenda de media mañá nos merendeiros que hai a carón do río. Con esta actividade, aprenderon cómo se debe coidar o medioambiente recollendo o lixo e depositándoo nas papeleiras que hai ao lado das mesas.
Non se poideron ir sen divertirse un pouco no parque!

É IMPORTANTE QUE, ENTRE TODOS, FAGAMOS VER AOS NENOS E NENAS DENDE PEQUENIÑOS, A IMPORTANCIA DE COIDAR O MEDIO NATURAL.

venres, 15 de maio de 2015

Mirade, mirade!

Na aula de 4 anos B tamén as familias colaboraron de xeito moi positivo na aportación de información sobre o Mercurín: fotografías da visita ao río cos seus fillos/as, documentación sobre os animais, mapas,  unha maqueta do río e do parque...
Aquí vos deixamos unha mostra de todo o que o alumnado foi traendo das súas casas para contarlle aos  compañeiros/as e así poder descubrir o noso río.



TEXTOS DE TRADICIÓN ORAL

O alumnado de 5 anos fixo  unha recopilación de textos de tradición oral entre os que destacan os refráns, adiviñas, lendas...
Para poder ver algúns textos representativos debedes pulsar aquí.

xoves, 14 de maio de 2015

INVESTIGAMOS

Aos nenos e nenas de 5 anos tamén lles gustan moito os animais e os insectos que ven no río Mercurín. Hainos en abundancia e saben que todos son necesarios para que a cadea alimentaria non se rompa.
Premendo nos debuxos, podemos ver a recopilación dalgúns animais, os máis doados de ver.
https://drive.google.com/file/d/0B9UZsAWrLa-CRjF4NXJiaWc1Z1E/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/0B9UZsAWrLa-CSk01VHdqd3lQMFE/view?usp=sharing

IDEAS PREVIAS E INFORMACIÓN

Na clase de 4 anos A, recolleron as ideas previas que o alumnado tiña sobre os ríos.

Unha vez feito isto, a mestra pediu ás familias que aportaran información sobre o río que pasa por Ordes, o Mercurín. A maiores, podían traer documentación, fotografías... Sobre o coidado dos ríos, a fauna, plantas e árbores, aves...
A medida que chegaba a información, os nenos e nenas ian aprendendo cousiñas sobre o Mercurín. 

mércores, 13 de maio de 2015

CADERNO DE CAMPO

Para a saída ao río, elaboramos o "Caderno de Campo do Río Mercurín" onde recolleremos os aspectos máis importantes da observación do río e do seu entorno.
Podedes velo pulsando na seguinte imaxe







xoves, 7 de maio de 2015

Comezamos!

A proximidade do dío Mercurín ao entorno do alumnado, foi un motivo clave para realizar dito proxecto. Este río conta cun parque ao que o alumnado acostuma a ir xogar.
Para poñer rumbo a este proxecto, as mestras de infantil realizamos unha sesión de formación no río Mercurín impartido por un biólogo de ADEGA.